A Unidade de Patoloxía ten por obxectivo dar cumprimento á lexislación vixente relativa ós requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura, así como á prevención e control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos, através de duas redes de control patolóxico, unha para moluscos e outra para peixes de acuicultura.
O marco lexislativo europeo actual, relativo ás patoloxías que afectan aos moluscos, ten como referencia á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e ás indicacións que figuran no Código Sanitario para os Animáis Acuáticos e no Manual de Métodos de diagnóstico elaborados por esta organización. No Código Sanitario figura un listado de enfermidades de declaración obrigatoria polos estados membros da OIE (entre eles España).
Dende outubro de 2006 contase cunha nova Normativa Comunitaria (Directiva 2006/88/CE) relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, e á prevención e ó control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Esta Directiva diferenza dúas listas de enfermidades: exóticas e non exóticas. No caso dos moluscos, inclúense na lista de enfermidades exóticas as infeccións por Bonamia exitiosa, Perkinsus marinus e Microcytos mackini. Na lista de enfermidades non exóticas figuran as infeccións polos parasitos Bonamia ostreae e Marteilia refringens.
As enfermidades relacionadas na Directiva 2006/88/CE foron incorporadas ás listas da directiva de notificación de enfermidades dos animais da UE (Directiva 82/94/CEE) na Decisión 2008/650/CE (como lista B. Animais acuáticos).
En outubro de 2008, como transposición da Directiva 2006/88/CE, publícase en España o Real Decreto 1614/2008 relativo aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como á prevención e o control de determinadas enfermidades dos animais acuáticos. Este RD inclúe no seu anexo IV as listas das enfermidades exóticas e non exóticas especificadas na directiva europea.
Por outra banda, o Decreto 526/2014 que establece a lista das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e regula a súa notificación, inclúe na lista A.2 as enfermidades dos animais acuáticos de declaración obrigatoria na UE e na lista B fai referencia ás outras enfermidades incluidas na lista única da Organización Mundial da Sanidade Animal (OIE) que non aparecen na lexislación europea, pero que son igualmente de declaración oficial en España e de notificación á OIE, organización da que España é membro
A rede para o control patolóxico dos moluscos consta de 61 puntos de mostraxe, distribuidos estratéxicamente ó longo de todo o litoral galego, permitindo realizar un seguimento periódico das principais zonas de produción, co fin de coñecer o estado dos bancos e a súa evolución, e así detectar posibles patoloxías emerxentes.
A determinación das distintas patoloxías de moluscos faise por histoloxía e o número de análises realizadas anualmente pola Unidade de Patoloxía do INTECMAR ven sendo de entre 600 e 650 de mexillón; 600-650 de ameixas; en torno a 500 de ostras (plana e rizada); e arredor de 400 de berberechos. Eventualmente analízanse outras especies, como navalla, coquina, reló, etc.
En canto ó número de ensaios por patóxeno, para os que o INTECMAR está acreditado, veñen sendo anualmente de entre 400 e 450 de Bonamia spp; entre 2.000 e 2.200 de Marteilia spp; e entre 1.450 e 1.500 de Perkinsus spp.