Tipos de toxinas lexisladas e límites legais
Nos Regulamentos CE Nº 853/2004 e UE Nº 786/2013 establécense as biotoxinas mariñas que deben ser controladas nos moluscos bivalvos e os límites legais que non deben exceder (Táboa 1).
Táboa 1.- Toxinas mariñas lexisladas na Unión Europea e límites legais por enriba dos cales debese prohibir a extracción de moluscos bivalvos vivos. O ácido ocadaico e as dinofisistoxinas son as toxinas coñecidas como DSP (Diarrheic Shellfish Poison).
equiv: equivalente
Métodos de análise de referencia na UE para as biotoxinas mariñas
Os métodos de referencia, na Unión Europea, para a análise das biotoxinas mariñas establécese no Anexo V do Regulamento de execución (UE) Nº 2019/627 da Comisión do 15 de marzo de 2019 (Táboa 2).
Táboa 2.- Métodos analíticos de referencia na Unión europea, para cada tipo de toxinas mariñas lexisladas e a súa aplicación no laboratorio de Biotoxinas do INTECMAR.
OA: ácido ocadaico; DTX1: dinofisistoxina 1; DTX2: dinofisistoxina 2; DTX3: dinofisistoxina 3; PTX1: pectenotoxina 1; PTX2: pectenotoxina 2; YTX: yessotoxina; 45 OH YTX: 45 hidroxiyessotoxina; homo YTX: homoyessotoxina; 45 OH homo YTX: 45 hidroxihomoyessotoxina; AZA1: azaspirácido 1; AZA2: azaspirácido 2; AZA3: azaspirácido 3.
Plans de actuación
Na Orde do 14 de novembro de 1995, pola que se regula o programa de actuacións para o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, defínense Plans de actuación para as biotoxinas mariñas que se clasifican en catro grandes tipos:
Tipo A: situación sen ningún tipo de risco de acumulación de toxinas nos moluscos bivalvos.
Tipo B: situación de alerta por posibilidade de acumulación de toxinas, con incremento progresivo da alerta en fases B1, B2 e B3.
Tipo C: prohibición de extracción porque os niveis de toxinas están por riba do límite legal. Niveis de toxicidade en descenso na dirección C1-C2-C3.
Tipo D: levantase a prohibición de extracción pero aínda existe toxicidade residual.
Estes plans de actuación establécense no Informe de situación das zonas para cada unha das zonas de produción e para cada un dos tres grandes grupos de toxinas.
A definición de cada plan de actuación describese na Orde do 14 de novembro de 1995 do seguinte xeito:
1.1. Tipo A: non se observan condicións oceanográficas favorables para o desenvolvemento de especies de fitoplancto tóxicas, nin estas en concentracións significativas, nin toxicidade nos organismos susceptibles de consumo.
1.2. Alerta:
1.2.1. B1: as condicións oceanográficas son favorables, pero non se observan especies de fitoplancto potencialmente tóxicas en concentracións significativas, nin se rexistra toxicidade nos organismos susceptibles de consumo.
1.2.2. B2: condicións oceanográficas favorables, presenza de especies de fitoplancto potencialmente tóxicas, pero non se rexistra toxicidade nos organismos.
1.2.3. B3: condicións oceanográficas favorables, incremento significativo da poboación tóxica e detéctase toxicidade nos organismos susceptibles de consumo pero en niveis inferiores ós limites legalmente establecidos.
1.3. Tipo C: niveis de toxicidade superiores ós límites legalmente establecidos. Prohibida a extracción.
1.3.1. C1: condicións oceanográficas favorables, incremento significativo da poboación tóxica e dos niveis de toxicidade nos organismos.
1.3.2. C2: condicións oceanográficas desfavorables para o desenvolvemento das especies tóxicas, estabilización ou descenso da poboación tóxica así como dos niveis de toxicidade nos organismos.
1.3.3. C3: condicións oceanográficas desfavorables, descenso significativo e/ou desaparición da poboación tóxica e niveis de toxicidade próximos ós límites legais.
1.4. Tipo D: condicións oceanográficas desfavorables, ausencia ou concentracións non significativas de especies de fitoplancto potencialmente tóxicas, manténdose unha toxicidade inferior ós límites legais, como consecuencia dun episodio tóxico anterior.
Puntos de mostraxe
A rede de control de biotoxinas mariñas para os moluscos cultivados en viveiros flotantes, establecida na Orde do 14 de novembro de 1995 (DOG nº 221 do 17/11/95), consta de 49 puntos fixos primarios, que corresponden a 22 zonas de produción e 47 subzonas de produción. Debido á creación de 3 polígonos de viveiros flotantes, con posterioridade a dita orde (Baiona A, Muros C e Camariñas A), foi necesario engadir 4 puntos fixos primarios máis. A elección dos puntos fixos primarios baseouse en que fosen os de mais rápida afectación no caso dun episodio tóxico. O mexillón destes puntos de mostraxe emprégase ademais como bioindicador para as zonas de produción de moluscos bentónicos infaunais equivalentes, posto que o mexillón pola súa elevada taxa de filtración é a primeira especie en acumular calquera tipo de toxinas. Esta rede complementase con 128 puntos fixos secundarios (126 para mexillón e 2 para ostra), que teñen como obxectivo permitir, no caso necesario, un coñecemento mais detallado do grado de afectación das zonas de produción. En cada punto a mostraxe do mexillón faise a tres profundidades: 1, 5 e 10 metros. Habitualmente a mostra analizase como un integrado das tres alturas, pero si é necesario, por exemplo para o levantamento dunha prohibición, analizanse as tres alturas por separado.
Para os moluscos bentónicos infaunais das zonas de produción nas que non existe cultivo de moluscos bivalvos en viveiros flotantes, empregase como bioindicador o mexillón de rocha, para o que existen 16 puntos fixos de control primario. Os puntos fixos de control de mexillón de rocha, moluscos bentónicos infaunais (35 zonas de produción) e moluscos bentónicos epifaunais (16 zonas de produción) establécense na Orde do 24 de xaneiro de 2013 (DOG nº 26 do 6/2/13).
Periodicidade de mostraxe
Tendo en conta que:
1.- O Regulamento de execución (UE) 2019/627 da Comisión no seu Título V, Capítulo II, Artigo 61, apartados 4 e 5 e 6, establece
4. "A frecuencia de mostraxe para a análise de toxinas nos moluscos bivalvos vivos será semanal durante os períodos nos que está permitida a recolección, pero:"
"(a) pode reducirse en zonas concretas clasificadas de reinstalación ou de produción ou para tipos específicos de moluscos bivalvos vivos, si unha avaliación de riscos sobre a presenza de toxinas ou fitoplancto indique que o risco de episodios tóxicos é moi baixo."
"(b) aumentará si dita avaliación indica que a mostraxe semanal non é suficiente."
5. "A avaliación de riscos mencionada no apartado 4 revisarase periodicamente co obxecto de avaliar o risco de que os moluscos bivalvos vivos desas zonas conteñan toxinas."
6. "Cando se coñezan os niveis de acumulación de toxinas dun grupo de especies da mesma zona, a especie co nivel máis alto poderá empregarse como indicadora. Desta maneira, se os niveis de toxina da especie indicadora están por debaixo dos regulamentarios, poderán explotarse todas as especies do grupo. Si os niveis de toxina da especie indicadora están por enriba dos límites regulamentarios, só se permitirá a recolección das demais especies se unha análise das mesmas demostra que os seus niveis de toxina están por debaixo deses límites."
2.- O artigo 8º Plans de Mostraxe do Decreto 28/2005, do 28 de xaneiro, polo que se regula o control das biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, determina que:
“Será competencia da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos o establecemento, de xeito permanente ou temporal, dos límites e características das zonas de produción para os efectos deste decreto, a toma de mostras nas devanditas zonas e o establecemento nelas dun plan de mostraxe en función das previsións e da evolución dos episodios tóxicos.”
Estableceuse, para cada plan de actuación, a seguinte periodicidade de mostraxe para o control das biotoxinas mariñas nos moluscos bivalvos:
Plans A e B1: mostraxe semanal dun punto fixo primario de control por zona de produción, tanto para mexillón cultivado en viveiros flotantes como para mexillón de rocha, durante os períodos nos que está permitida a extracción de moluscos bivalvos.
Plan B2, para toxinas de tipo PSP e lipofílicas: mostraranse todos os puntos fixos primarios, con posibilidade de incremento de frecuencia de mostraxe, para unha zona ou subzona, ata 3 veces por semana. No caso das toxinas de tipo ASP, a frecuencia da mostraxe se incrementará, si ademais da detección de células de Pseudo-nitzschia spp. na columna de auga, se detecta ácido domoico nos moluscos, aínda cando se detecte por debaixo do límite de cuantificación.
Plan B3: posibilidade de incrementar a frecuencia de mostraxe para unha zona ou subzona ata 5 veces por semana e, segundo o tipo de toxina implicada e a cinética de acumulación observada, valorarase a necesidade de recoller mostras nos puntos fixos secundarios ou de solicitar mostras doutro tipo de molusco.
Plans C1 e C2: dependendo dos niveis de toxicidade detectados e da evolución da poboación de fitoplancto tóxico que provocou o peche, decidirase a frecuencia mínima de mostraxe. Por outra banda, avaliarase a necesidade de solicitar mostra doutros moluscos bivalvos, para establecer unha frecuencia mínima de seguimento destas especies.
Para as subzonas ou zonas abertas mais próximas a unha zona ou subzona pechada, a frecuencia de mostraxe decidirase en función da evolución da toxicidade observada en dita zona, sendo como mínimo semanal e, en caso necesario, incrementarase ata unha frecuencia diaria, para todos os puntos fixos primarios. Ademais valorarase a posibilidade de recoller mostra nalgún dos puntos fixos secundarios.
Plan C3: posibilidade de incrementar a frecuencia de mostraxe ata 3 veces por semana, para evitar que unha zona estea pechada mais tempo do estritamente necesario.
Plan D: manterase a mostraxe de todos os puntos fixos primarios e mostraranse preferentemente dúas veces por semana.
No obstante todo o anterior, a autoridade competente está facultada legalmente para proceder á "Prohibición Cautelar" de extracción de moluscos bivalvos nas rías, zonas de produción, distritos marítimos ou polígonos, tal como se indica no Título V, Capítulo II, artigo 61, apartado 7 do Regulamento de Execución (UE) 2019/627 da Comisión:
“Si se detectan cambios nas poboacións tóxicas que poidan dar lugar a unha acumulación de toxinas, aumentaráse a frecuencia de mostraxe dos moluscos bivalvos vivos ou procederáse ao peche preventivo das zonas afectadas ata que se obteñan os resultados das análises de toxinas."